BOIRO> A Deputación da Coruña e o concello de Boiro asinaron un convenio para continuar coa rehabilitación da finca de Goiáns, logo da reforma integral do pazo e da capela. Investiranse 250 mil euros no acondicionamento do lagar pequeno, as cortes e unha antiga vivenda.
O presidente da Deputación da Coruña desprazouse esta mañá ata Boiro pasa asinar un convenio co concello que permitirá acometer unha terceira fase de rehabilitación na finca de Goiáns. As edificacións obxecto de mellora serán o lagar pequeno, unha vivenda e as cortes nas que se investirán 250 mil euros dos que o 80 por cento será achegado pola administración provincial o 20 por cento restante financiarase con cargo ás arcas municipais.
Tras esta actuación que dá continuidade á reforma integral do edificio principal do Pazo e tamén da capela quedarán pendentes outras dúas fases de actuacións para a rehabilitación do palomar e o peche da finca así como outras edificacións.
Trala visita ó pazo, o presidente provincial e o alcalde desprazáronse ata a estrada que conecta Boiro con Noia para supervisar as obras de pavimentación da vía financiadas no marco do Plan Único da Deputación.











