Novos actos vandálicos contra os muíños do Vilar

    RIBEIRA > Os propietarios de terreos no Parque Natural de Corrubedo en Ribeira veñen de denunciar unha serie de actos vandálicos que afectaron ó conxunto de muíños de auga da zona do Vilar. Esta non é a primeira vez que acontecen este tipo de feitos, xa que desde hai tres anos véñense producindo destrozos similares.

    O conxunto de muíños de auga do Vilar, na parroquia ribeiresa de Carreira, volveron a sufrir hai uns días as consecuencias de actos vandálicos. Nesta ocasión, ós desperfectos do exterior dos muíños, como a rotura de varias tellas ou portas arrancadas, hailles que sumar tamén os que afectaron ó interior das instalacións.

    Os membros da Asociación de Propietarios do Parque Natural afirmaron sentirse desprotexidos diante destes actos vandálicos, que na maioría das casos corresponden con festas e botellóns realizadas polos xoves da zona durante as noites das fins de semana.

    Polo de agora, descoñécese a autoría dos feitos. Os propietarios de terreos no Parque Natural de Corrubedo, que presentaron a correspondente denuncia na comisaría da Policía Nacional, reclaman das administracións competentes máis medios de vixilancia para que esta situación non se volva repetir.

    A pesar de que a rehabilitación dos muíños no seu día correu a cargo da Consellería de Medio Ambiente, este tipo de actos vandálicos repercuten nos petos dos propios propietarios, xa que son eles agora os que teñen que correr cos gastos destas reparacións.

    Redacción Barbanza