RIBEIRA > A corporación municipal de Ribeira celebrou unha sesión plenaria con carácter ordinario na que se procedeu á aprobación inicial dun crédito extraordinario para levar a cabo o proxecto de reforma do matadoiro municipal. A proposta saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e IPdeR , mentres que o Partido Socialista votou en contra.
A necesidade de levar a cabo unha actuación urxente no matadoiro municipal debido ó peche da instalación determinado pola Delegación Provincial de Sanidade ó non cumpri-los requisitos mínimos a nivel de infraestrutura e equipamento, o equipo de goberno decidiu levar a pleno a aprobación dun crédito extraordinario para realiza-las obras de modernización e rehabilitación do actual edificio.
Na sesión o portavoz do PSOE, Xosé Vicente Domínguez, defendeu a postura do seu grupo de votar en contra deste crédito ó considerar que a instalación non reunía desde hai tempo as condicións mínimas hixiénico-sanitarias. Xosé Vicente Domínguez considera tamén que o actual emprazamento non é o máis axeitado para esta instalación ó atoparse nas proximidades do núcleo urbano.
Pola súa banda dende IPdeR, que apoiou a solicitude do crédito, fíxose referencia ó grave prexuízo que trouxo consigo para pequenas explotacións o peche do matadoiro.
Dominga Brión Sanmiguel por parte dos nacionalistas incidiu tamén no tempo que o matadoiro vén arrastrando numerosas deficiencias, criticando ó equipo de goberno por non ter acometido esta mellora con anterioridade. Aínda así a nacionalista apoiou a solicitude do crédito para levar adiante a reforma do matadorio.
Manuel Ruíz, portavoz do Partido Popular, respondeu ás críticas dos tres grupos na oposición sinalando a necesidade que tiña o concello de buscarlle unha solución ó problema do matadoiro. Segundo el entre as opcións baralladas, mellora-las actuais instalacións ou facer unhas novas, optouse por esta última, menos custosa para o concello nestes momentos.
A corporación municipal ribeiresa tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo concelleiro do Partido Popular, Manuel Ruíz, relativa á oposición da reorganización da axencia tributaria que pretende alonxa-los servizos ós cidadáns. Durante a sesión os portavoces dos catro grupos con representación municipal sinalaron a importancia de que Ribeira siga contando con estes servizos polo que non descartan nun futuro realizar algún tipo de protesta ou mobilización.
Na sesión tamén se aprobou cos votos a favor do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e IPdeR, e a abstención do PSOE outra moción presentada polo Concelleiro Manuel Ruíz Rivas relativa á solicitude ás distintas Administracións dunha subvención para o combustible do sector pesqueiro e marisqueiro da localidade durante a crise do gasóleo.
A moción da voceira do BNG, Dominga Brión Sanmiguel, na que solicitaba a realización dunha mellora integral no lugar de Cubelo en Frións foi rexeitada polo equipo de goberno argumentando que xa se está a elaborar un proxecto que recolle a realización desta actuación.
O último punto abordado na sesión foi outra moción presentada polo concelleiro de IPdeR , Esteban Paz, relativa á solicitude de enmarca-lo porto de Ribeira nos proxectos de dinamización da Xunta de Galicia.
Redacción Barbanza