A Xunta avalía os danos dos incendios para axilizar as axudas ós afectados

    BOIRO> O delegado da Xunta na provincia da Coruña visitou as zonas afectadas polos incendios no Barbanza. A intención do goberno autonómico é avaliar os danos tanto en bens públicos como en instalacións privadas para que os afectados poidan acollerse ó novo decreto de axudas. Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Boiro, achegouse ata a aldea de Lidón na Serra do Barbanza que durante a fin de semana dos incendios estivo cercada polo lume, chegándose a activar o nivel dous. Afortunadamente, a rápida intervención dos equipos de emerxencias evitou que houbese que lamentar danos, tal e como lembraron os veciños. A pesar do desolador panorama que deixou o lume ó seu paso, as consecuencias foron mínimas para esta aldea que non dispón doutro acceso máis que esta estrada que chegou a estar invadida polas lapas ó igual que A Figueira, en Mosquete, onde O concello traballa xa en habilitar unha saída alternativa a este núcleo de poboación para facilitar o desaloxo no caso de ser necesario de cara ó futuro. Coa rolda de visitas que está a levar a cabo o delegado territorial, a Xunta pretende avaliar os danos ocasionados polos lumes co fin de que os afectados poidan acollerse ó novo decreto de axudas. Non só vivendas, explotacións agrarias ou outro tipo de empresas e instalacións senón tamén os concellos que viran afectado algún ben público.