BARBANZA> En total serán seis concellos das comarcas do Barbanza e Muros-Noia os que se beneficiarán este ano da nova convocatoria de programas formativos. Ribeira, Boiro, Rianxo, Lousame, Porto do Son e Noia, serán os seis concellos que se beneficiarán este ano da nova convocatoria de obradoiros de emprego que promove a consellería de Economía, Emprego e Industria. Como xa acontecera en anos anteriores a maior parte dos municipios presentaron proxectos en común. É o caso de Ribeira e Porto do Son que contarán novamente cun obradoiro de emprego conxunto, o Tahume III, que formará a vinte persoas desempregadas nas especialidades de pintura industrial en construción e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Noia e Lousame tamén contarán cun obradoiro destas características para a formación en actividades relacionadas co coidado do medio ambiente. Outro dos concellos beneficiados será Rianxo, aínda que nesta ocasión de xeito individual, co proxecto Arcos Moldes, coas especialidades de fábricas de albanelería e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. A Xunta decidiu concederlle tamén ó concello de Boiro unha subvención de 130 mil euros para o seu programa Boiro Emprega-Escola Obradoiro Xardíns de Boiro II. Neste caso poderán participar uns quince mozos que recibirán formación en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.
Inicio Barbanza - Muros - Noia