O Salón do Libro Infantil de Pontevedra homenaxea a Mª Victoria Moreno

    PONTEVEDRA > O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a partir deste domingo o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que xa chega á súa sétima edición. Nesta ocasión as actividades da feira xiran en torno á natureza. A feira rendirá tamén unha homenaxe á escritora María Victoria Moreno, recentemente falecida.

    A natureza será este ano o tema central do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A feira abre as súas portas o domingo no Pazo da Cultura e ademais de incitar á lectura tratará de formar ós pequenos lectores como cidadáns comprometidos co seu entorno. O Salón tamén servirá de homenaxe á escritora María Victoria Moreno, falecida recentemente e precisamente a persoa que debía dar o pregón inaugural.

    Nesta sétima edición, catro mil escolares da comarca poderán participar en diversas actividades concertadas como obradoiros de escrita, ilustración, medio ambiente e contadores. Os adultos tamén terán os seus talleres, de animación á lectura, literatura, ilustración e música. Contacontos, teatro, monicreques e actuacións musicais integran o programa lúdico deste Salón.

    Tamén haberá conferencias, a primeira delas será o vindeiro luns, con Ana María Matute e Xela Armas. E entre as presentacións de libros destaca nesta edición o volume Trobalinguas. O Salón clausurarase o día 11 pero seguirá aberto para visitas concertadas ata o 3 de marzo. A organización confía en superar os nove mil espectadores da pasada edición.

    Redacción Salnés