RIANXO > A CIG denuncia a falla de transparencia existente no proceso de selección do persoal laboral do concello de Rianxo. A central sindical vén de interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra diferentes procesos desenvolvidos pola corporación rianxeira, que na súa opinión está a vulnerar os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade, que deben rexer o acceso a unha administración pública.
Os membros da CIG na comarca do Barbanza consideran que as bases para a contratación de persoal temporal no concello de Rianxo non garanten a igualdade de posibilidades entre tódolos candidatos para acceder ó posto de traballo as prazas aparecen convocadas sen un temario específico previo e non se entra a definir o contido das probas, tanto teóricas como prácticas, nin se establecen uns baremos para valora-las titulacións e a formación complementaria.
A CIG denuncia o peso que se lle da a entrevista persoal que, na maioría dos casos, constitúe a proba decisiva para a selección en lugar de ser unha fase máis. Ademais, esta realízase con total arbitrariedade sen fixar uns temas comúns a tratar con tódolos entrevistados.
O sindicato denuncia ademais que os tribunais de selección están compostos por dous membros do equipo de goberno e unha traballadora, cando deberían estar integrados por representantes dos traballadores. Así mesmo, sinalan o feito de que gran parte dos traballadores temporais están contratados por obra e servizo, o que supón un fraude de lei polo que solicitan ó concello que modifique as bases e o procedemento de selección e contratación.
Na súa opinión, este problemas veñen motivados pola falla dun convenio colectivo para o persoal laboral e un acordo regulador dos funcionarios polo que esixen tamén a crecaión dunha mesa de negociación para este fin.
Redacción Barbanza