RIBEIRA > A recente visita da delegada provincial de Sanidade espertou a preocupación entre os traballadores do mercado ribeirés ante a posibilidade do peche das instalacións se non se acometen as reformas precisas. Polo momento, o concello informou de que os traballos darán comezo ó longo desta semana para concluír antes de 28 de febreiro, data límite establecida pola Consellería para axustar o mercado ribeirés á normativa de hixiene e seguridade.
Polo momento aínda non deron comezo os traballos no mercado ribeirés. A pesar de todo os praceiros confían en que o concello leve a cabo as reformas no prazo de tempo establecido, evitando o peche das instalacións.
A ‘drástica’ medida proposta pola Consellería de Sanidade preocupa ós traballadores posto que son moitas as familias que dependen da actividade desenvolvida na praza de abastos. Neste sentido, agardan que se chega a ser necesario o peche do mercado, o concello habilite outras instalacións para a venda.
As reformas no actual edificio, consistentes na dotación de auga quente e o acondicionamento dos baños, non convencen a gran parte dos traballadores que cren precisa a construción dun novo e moderno recinto para alberga-la praza.
Necesarios ou non, o temor principal dos praceiros é que os traballos non se executen a tempo polo que solicitan ó concello que axilice os trámites para proceder ó condicionamento do edificio.
Redacción Barbanza