Méndez Romeu inaugura a nova casa consistorial da Pobra

    inauguracionconcello_100_191006.jpgPOBRA > Xosé Luís Méndez Romeu presidiu o acto de inauguración das novas dependencias…

    … do concello e do xulgado de paz da Pobra do Caramiñal. A actuación, cun presuposto de máis de 750 mil euros, foi cofinanciada por varias Consellerías, entre elas Presidencia que aportou a cantidade de 60 mil euros. 

    Durante o acto que se desenvolveu nun salón de plenos totalmente ateigado de xente e despois de escoita-las explicacións de José Cebrián, arquitecto redactor do proxecto, que se limitou a falar das características do novo edificio, o alcalde Isaac Maceiras agradeceu a colaboración prestada pola Xunta de Galicia, administración sen a cal esta actuación sería impensable.

    No transcurso do acto o rexedor pobrés tamén lle solicitou ó Conselleiro da Presidencia colaboración para a realización dun novo pórtico de entrada para a casa consistorial, petición que Méndez Romeu se comprometeu a estudar.

    Na súa intervención o titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza definiu o proxecto levado a cabo na Pobra como unha obra de ‘arquitectura do século XXI’ que ó mesmo tempo é respectuosa coa singularidade dun edificio histórico. 

    Apoio á política local

    Méndez Romeu tamén avogou pola cooperación entre as distintas administracións, xa que segundo el os organismos xestores, ademais de ter unha dimensión política son tamén responsables do funcionamento dos servizos públicos.inauguracionconcello_200_191006.jpg

    Asemade o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, destacou o compromiso da Xunta de apoio á política local galega, e neste sentido indicou que proximamente está previsto que se aproben a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia, a Lei de Policía Autonómica, unha nova Lei de Emerxencias que garanta a prestación homoxénea destes servizos en todo o territorio da Comunidade Autónoma e unha nova Lei de Réxime Local que ordene mellor e modernice a vida local galega.

    Durante o acto o rexedor local convidou tamén ó Conselleiro a asinar no libro de honra e fíxolle entrega tamén do escudo de prata do concello, a máxima distinción existente a nivel municipal, tra-lo correspondente acordo na última comisión de goberno.

    Logo do acto meramente institucional a comitiva de autoridades fixo un percorrido polas novas dependencias da casa consistorial pobresa, podendo constatar de primeira man os cambios máis significativos que se produciron no actual edificio e que mellorarán o servizo ós veciños e darán tamén unha maior funcionalidade. 

    Na planta baixa da actual casa consistorial procedeuse á bendición das instalacións por parte do cura párroco do Caramiñal, para posteriormente proceder ó descubrimento da placa. 

    Redistribución dos servizos

    No referente ás características da reforma realizada cómpre destacar que inclúe ademais da construción dun edificio anexo á antiga casa consistorial, a urbanización e remodelación do espazo circundante prosterior, coa finalidade de incrementa-lo número de prazas de aparcamento e axusta-lo acceso, iluminación e ventilación das dependencias municipais actuais e futuras.inauguracionconcello2_200_191006.jpg

    O actual edificio está dividido en tres plantas. Na planta baixa do antigo edificio están situadas as dependencias de urbanismo, onde anteriormente se atopaban os xulgados, e no outro lado está o servizo de recadación, atención ó públio, o rexistro e o padrón municipal. No primeiro andar quedan a alcaldía, as secretarías particular e xeral, o adxunto á secretaría xeral, a sala de xuntas, o salón de plenos e unha sala de espera. Na planta baixa do novo edificio proxéctanse os xulgados e o rexistro, estando nas plantas superiores as oficinas de intervención, tesourería, persoal e desenvolvemento local.

    A actual casa consistorial pobresa cumpre coas normas de accesibilidade, contando ademais cun moderno ascensor que dará servizo e acceso a tódalas plantas do edificio. En canto ós materiais empregados na construción destacar que se empregou granito moi semellante ó da antiga casa consistorial, destacando na parte frontal unha gran superficie acristalada que lle proporcionará moita máis iluminación ó concello así como unha zona axardinada.

    A obra permitirá, ademais de ofrecer unha imaxe máis moderna, ofrecer un mellores servizos ós veciños. Precisamente nos próximos días e co fin de que os propios veciños poidan coñecer mellor as novas instalación o executivo ten previsto levar a cabo unhas xornadas de portas abertas.

    Redacción Barbanza