Os grupos musicais de Boiro contarán con locais de ensaio insonorizados

    BOIRO > O concello de Boiro habilitará locais de ensaio insonorizados para os grupos e formacións musicais do municipio. O proxecto foi presentado o pasado mércores á Dirección Xeral de Xuventude por parte da concelleira de Mocidade, Dores Torrado, quen obtivo o compromiso do director xeral, Rubén Cela, para levar adiante este proxecto.

    Dores Torrado desprazouse ás dependencias da Consellería de Vicepresidencia para presentarlle ó diretor xeral de Xuventude, Rubén Cela, a proposta de creación dunha serie locais de ensaio para grupos musicais.

    O proxecto, presupostado inicialmente en 52 mil euros, espertou o interese do diretor xeral que plantexou a posibilidade de aumenta-la contía ata os 60 mil euros para dotar a estes espazos tamén de equipamentos.

    O lugar escollido para o emprazamento destes locais é o soto do centro social que actualmente está a ser utilizado como almacén. Alí contruiranse catro aulas insonorizadas que serán utilizadas polas formacións musicais do municipio e, posteriormente, no caso de que queden horas libres, destinarase tamén ós grupos doutros concellos do Barbanza. O local contará tamén cun espazo común a modo de sala de espera con xogos de mesa, futbolín e billares, que dará servizo ás catro aulas.

    Co fin de concretar a actuación, Rubén Cela comprometeuse a viaxar ata Boiro a principios do mes de marzo, para reunirse cos representantes das iniciativas musicais que se desenvolven no concello. Probablemente nestas datas será cando se asine o convenio que dará lugar a esta actuación que ten, como obxectivos básicos, a promoción da cultura musical entre a mocidade e os menos favorecidos e crear unha plataforma de formación de novos grupos musicais.

    Redacción Barbanza