Sarela conmemora no Barbanza o Día do Dano Cerebral Adquirido

    RIBEIRA> O 26 de outubro conmemórase o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido. A asociación Sarela desenvolveu co gallo desta efeméride unha campaña de sensibilización con mesas informativas, en varios puntos de Santiago e do Barbanza. Aqueles que se achegaron esta mañá polo hospital do Barbanza puideron coñecer un pouco máis de preto en que consiste o dano cerebral adquirido, unha doenza que afecta a máis de catrocentas mil persoas en España e que pode producirse por múltiples causas. A Asociación Sarela pretende, a través desta campaña de sensibilización, dar visibilidade ás consecuencias deste trastorno. Coa súa actividade diaria promoven a inclusión social dos pacientes garantindo a súa calidade de vida así como o necesario apoio ás familias. Entre os principais obxectivos da asociación destaca a creación da categoría diagnóstica de dano cerebral adquirido co fin de fixar os criterios de atención e rehabilitación unha vez que os pacientes son dados de alta.