O concello da Pobra mellorará varios camiños da zona rural

    POBRA > O Concello da Pobra do Caramiñal, grazas a unha aportación da Consellería de Medio Rural de 150 mil euros, levará a cabo o saneamento no núcleo da Devesa e a mellora de varios camiños nas parroquias do Xobre, Postmarcos e Santa Cruz.

    Dende hai uns días a empresa Nemesio Ordoñez está a levar a cabo a mellora de varios camiños nas zonas rurais do municipio, concretamente nas parroquias do Xobre, Santa Cruz e Postmarcos.

    Estas actuacións, así como tamén o saneamento na Devesa e no Camiño Ancho, foron incluídas no novo convenio asinado polo executivo local coa Consellería de Medio Rural cun investimento que se achega ós 150 mil euros.

    A relación de obras a incluír neste convenio son o camiño do Outeiro, de cabío a areos, Río Morto, Quintáns, a Gándara e a Figueira-Camiño Ancho-Pontenaveira na parroquia do Xobre; os camiños de Sende, Freán e Lesón na parroquia de Santa Cruz e o acceso ás pistas deportivas de Pontebarbanza, e o camiño de Ouxo a Vilariño na parroquia de Postmarcos.

    Precisamente esta mañá o alcalde, Isaac Maceiras, e o concelleiro de Obras, Xosé Manuel Castro, supervisaban unha das actuacións que se está a realizar na zona de Tarrío.

    Os veciños da zona ven con bos ollos esta obra, que suporá unha mellora importante para eles.

    Cabe lembrar que os anteriores convenios asinados coa Consellería de Agricultura contiñan proxectos por un importe superior ós 243 mil euros polo que os camiños de Outeiro e o de Pontebarbanza-Ruso-Petón do Sisto serán realizados con cargo ós orzamentos municipais.

    Redacción Barbanza