Éxito de participación en Preventiva

    RIBEIRA > Unhas cinco mil persoas visitaron durante esta pasada fin de semana en Ribeira a feira Preventiva organizada polo Centro Empresarial da Construción do Barbanza. O encargado da clausura deste salón vinculado á seguridade laboral foi o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda.

    Durante os tres días nos que Preventiva abriu as súas portas Ribeira foi o centro de atención de toda a comarca do Barbanza e mesmo de Galicia.

    Segundo o presidente do Centro Empresarial da Construción do Barbanza, Xesús Lojo, entidade organizadora, Preventiva estase a afianzar como unha das ferias máis destacadas dla zona a pesar de estar vinculada a un sector moi específico, como é o da seguridade laboral.

    Lojo Alcalde fixo referencia a continuidade da feira está máis que garantida aínda que, como xa anunciara con anterioridade, terá un carácter bianual.

    O presidente da CECB fixo referencia tamén á necesidade de buscar un espazo fixo para desenvolver este tipo de eventos.

    O acto de clausura do salón contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, quen despois de realizar un percorrido polos trece expositores da feria, animou ós empresarios a invertir en seguridade laboral co fin de contribuír así á reducción das altas cotas de sinistralidade que alcanzou Galicia durante o ano 2005, o rexistro máis elevado do último decenio.
    O presidente da patronal da construción tamén aludiu á calidade das ponencias e o bo resultado que deron as demostracións destacando o taller de extinción de incendios por parte dos servizos de bombeiros de Boiro e Ribeira e Protección Civil ou o de supervivencia co adestramento de cans para a busca de persoas en derrubamentos de edificios.

    Sen dúbida un dos aspectos máis aplaudidos e que levantou maior expectación desta feira foron as demostracións. Algunha delas como a desenvolvida polos voluntarios de Protección Civil de Ribeira e os corpos de bombeiros de Ribeira e Boiro tiveron un gran éxito co rescate dunha persoa ferida enriba dun andamio e a extinción dun incendio.

    Outra das demostracións máis agardadas foi o obradoiro de supervivencia  levado a cabo polos membros da agrupación de voluntarios de Protección Civil da Estrada, que se desprazaron ata Ribeira para realizar unha demostración con cans adestrados para o rescate de persoas atrapadas despois dun derrumbamento.
    Ante a atenta mirada da xente que se congregou nos exteriores da carpa de Preventiva, os animais, un a un e cunha pasmosa tranquilidade deron co paradoiro da vítima en cuestión de segundos.

    Redacción Barbanza