NOIA> O BNG de Noia propón bonificacións nas taxas do IBI e do ICIO naquelas actuacións encamiñadas a mellorar a eficiencia enerxética ou a accesibilidade dos inmobles. As rebaixas fiscais oscilarían entre o 20 e o 90 por cento da cota íntegra.
O BNG de Noia propón unha modificación das ordenanzas fiscais dos impostos sobre bens inmobles e de construción para incluír bonificacións nas actuacións encamiñadas a conseguir unha mellora da eficiencia enerxética ou maior accesibilidade. No caso dos inmobles que executen reformas para mellorar a habitabilidade das persoas con mobilidade reducida propoñen unha bonificación do 90 por cento do ICIO.
Tamén solicitan rebaixas de entre o 50 e o 90 por cento do ICIO para as actuacións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética sendo a bonificación do 90 por cento no caso de sistemas de enerxía solar. En canto ó IBI, apostan por unha bonificación de entre o 20 e 50 por cento, en función do valor catastral da vivenda durante tres anos e cun máximo de 400 euros anuais naqueles inmobles que instalen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar.