Desartellado un punto de venda de droga que operaba en pleno centro de Boiro

BOIRO> Un total de dez investigados como presuntos autores de delitos contra a saúde pública, dos que finalmente oito foron detidos, foi o balance da operación ‘Jalea Real’ coa que a Garda Civil desartellou un punto de venda de drogas situado en pleno casco urbano de Boiro.

A operación iniciábase hai un ano cando os axentes detectaron movementos sospeitosos na contorna dunha vivenda situada no centro de Boiro que funcionaba como punto de distribución de estupefacientes as 24 horas do día.

Tras un ano de intensas pescudas, puideron constatar a acitvidade ilícita a pesar das estratexias empregadas pola responsable do grupo criminal para evitar ser detectada.

Ademais de cambiar con frecuencia os métodos de distribución, realizaba paradas intermitentes durante os traxectos para as entregas e contaba cunha ampla rede de colaboradores que efectuaban as vendas en distintos puntos do casco urbano.

Finalmente, o pasado 24 de xuño, os axentes procederon á detención da principal dirixente do grupo cando saía do seu domicilio.

Posteriormente realizaron un rexistro na vivenda, onde se incautaron de preto de 200 doses de cocaína, máis de 300 de heroóna, preto dun cento de haxix, 12 de marihuana, 8 de crack e 15 pastillas de metadona.

Ademais da droga, localizaron outros efectos procedentes de roubos como unha bicicleta valorada en tres mil euros.

Os detidos xa pasaron a disposición que decretou o ingreso en prisión da responsable do grupo criminal, deixando en liberdade con cargos ós seus colaboradores.