Lores pide un tratamento urbano na PO-531 desde A Barca a Campañó

    lores_po531_100_041208.jpgPONTEVEDRA > O Concello ofrécese a asumir o tramo da PO-531 entre A Barca e Campañó para darlle un tratamento urbano e facer unha vía bulevar.

    Así llo comunicou onte o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ós representantes da plataforma de afectados pola reforma desta estrada que une Curro, en Barro, con Pontevedra. O rexedor indicou que lle remitirá unha carta á conselleira de Política Territorial pedindo que se dea un trato máis urbano ó tramo entre o centro da cidade e o lugar da Devesa, na parroquia de Campañó. A carta demandará tamén, a petición dos veciños, a construción dunha nova rotonda entre a glorieta de San Caetano e o paso da autopista sobre a PO-531. Os afectados advirten que así non quedarían illadas unhas 200 casas en Sabarís, Vispo, Bocas, Campañó e Moldes.

    O goberno local porá sobre a mesa varias posibilidades, entre elas, asinar un convenio para ir urbanizando ós poucos a actual estrada. O alcalde dixo ós veciños que se opón ó último deseño presentado por Política Territorial na subida a Campañó, con catro carrís e vías de servizo. Os veciños, que reivindican un tratamento urbano da vía desde a rotonda do Vao a Campañó, ven con bos ollos a proposta do Concello de Pontevedra.

    O presidente da plataforma afirma que ós veciños lles gusta o tratamento urbano que se dá no proxecto á Devesa e Bretoña – Curro, inda que reclama nalgunhas melloras. Agora están nun compás de espera pero poderían activar en breve as protestas. No punto de mira está o tráfico do polígono Barro –Meis. Os veciños non queren que saia pola antiga comarcal 531 en Curro.

    Redacción Salnés