RIANXO> O accidente tiña lugar, ó redor das once e vinte desta mañá, na estrada provincial DP-3301, á altura do núcleo de Rial, na parroquia rianxeira de Leiro.
Por causas polo de agora descoñecidas producíase unha colisión frontal entre dous vehículos, un Nissan Navara e un Citroën Xantia.
O condutor e único ocupante deste último vehículo, duns 21 anos, quedou atrapado no seu interior, polo que foi necesaria a súa excarceración.
A consecuencia das feridas sufridas, foi mobilizado o helicóptero medicalizado que se encargou do traslado do mozo ata o Clínico de Santiago.
Aínda que en ningún momento da intervención perdeu a consciencia, o seu prognóstico é reservado.
O condutor do outro vehículo tamén resultou ferido, aínda que de menos consideración, polo que foi trasladado ó centro de saúde da localidade.
Ademais de efectivos dos parques de bombeiros de Boiro e Ribeira, e persoal de Urxencias Sanitariasde Galicia, tamén foron mobilizados ata o lugar Policía Local, Protección Civil e Garda Civil, así como unha dotación de Tráfico que se encargou da realización do correspondente atestado.
A consecuencia do choque e ó estado no que quedaron os dou vehículos, en medio da calzada, a estrada permaneceu cortada en ambos sentidos de circulación durante varias horas.











