Os alcaldes da comarca satisfeitos pola adxudicación das obras da futura autovía

    BARBANZA > A nova sobre as obras de adxudicación da futura Autovía do Barbanza ó grupo integrado por Itinere Infraestructuras e a Corporación Caixa Galicia, da que TVSB daba xa conta o pasado venres, foi recibida con satisfacción polos responsables políticos da comarca. A maioría deles coinciden na necesidade de que se cumpran os prazos previstos, fixados en 27 meses, para que a actuación poida estar rematada afinais do 2008.

    Os alcaldes dos catro concellos de Arousa Norte valoraron moi positivamente a decisión da Consellería de Política Territorial sobre a adxudicación das obras da futura autovía do Barbanza xa que a consideran unha actuación vital para o desenvolvemento económico e empresarial desta zona.

    A súa principal inquedanza radica no feito de que se extremen as medidas de seguridade, polo que reclaman que o novo trazado e o firme da estrada teñan as máximas garantías co fin de reducir ó máximo a alta tasa de sinistralidade que presenta este vial.

    Precisamente o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, incidía neste feito sinalando que un mes arriba ou abaixo nos prazos fixados para o remate das obras non é o máis importante se a seguridade da vía queda garantida. O rexedor rianxeiro sinalaba tamén que a obra debería realizarse por tramos o que aceleraría moito máis os traballos de construción da futura autovía ó tempo que non implicaría pecha-la actual vía rápida. Piñeiro Hermida tamén destacou o feito de que as obras da futura autovía levarán consigo as canalizacións para a rede de gas e novas tecnoloxías, dúas vellas reivindicacións dos tecidos social e empresarial da comarca.

    O actual presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras,  tamén valorou moi positivamente a nova sinalando de que xa era hora que a Xunta contratara esta obra, fundamental para o desenvolvememnto da zona.

    O alcalde de Boiro Xosé Deira fixo referencia á necesidade de que se cumpran os prazos de execución desta obra e que a autovía estea rematada no ano 2008, ó tempo que sinalou que é fundamental que se adopten as medidas oportunas para garanti-la seguridade na estrada.

    Pola súa banda o alcalde de Ribeira Xosé Luís Torres Colomer foi o máis crítico coa decisión da Consellería de Política Territorial. Segundo el a nova a pesar de ser moi positiva para os intereses da comarca puido terse realizado con anterioridade, xa que para el a Xunta leva oito meses de retraso nesta obra.

    Precisamente os catro alcaldes do Barbanza que integran a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte manterán mañá martes en Santiago un encontro coa titular de Política Territorial, María Xosé Caride, co fin de coñecer de primeira man tódolos detalles sobre a obra presupostada en máis de cen millóns de euros, fundamentalmente aqueles específicos sobre a seguridade vial da futura autovía, os cales a propia Conselleira se comprometeu a incluír no proxecto definitivo. Na xuntanza os alcaldes barbanzáns terán acceso tamén á información do grupo de empresas que resultou gañador do concurso,  Itinere Infraestructuras e a Corporación Caixa Galicia.

    Redacción Barbanza