Alonso inaugura en Pontevedra o Grupo de Resposta Especial contra o Crime Organizado

    PONTEVEDRA > O Ministro do Interior inaugurou en Pontevedra o novo Grupo de Resposta Especial contra o Crime Organizado. O GRECO Galicia conta con 30 especialistas, apoiados por unha avanzada tecnoloxía, que fará especial fincapé na actividade delictiva con máis presenza na nosa comunidade: o tráfico de drogas. Antes do acto simbólico de inauguración, José Antonio Alonso reuniuse cos mandos policiais na Subdelegación do Goberno.

    ministroalonso2_300_130205.jpgO Ministro do Interior visitaba Pontevedra para dar comezo ás actividades do terceiro grupo contra o crime organizado que existe en España. Alonso analizou nunha xuntanza a situación da seguridade en Galicia e estudou, xunto con distintos mandos, as necesidades das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

    En 2005, foron desarticuladas en Galicia 10 organizacións criminais e aprehendidas máis de 10 toneladas de cocaína e 3 de haxix. Pese ás cifras, a nosa comunidade rexistrou datos moi positivos en 2005, o que, en palabras do ministro, nos posiciona como unha das comunidades máis seguras. O GRECO Galicia ponse en marcha tralo éxito acadado polos grupos xa implantados na Costa do Sol e na zona do Levante.

    O tráfico de estupefacentes alcanza en Galicia o 46% das modalidades criminais máis presentes, de aí a especialización e exclusividade do novo grupo. Trala primeira comparecencia pública do Ministro do Interior e rodeado de fortes medidas de seguridade, Alonso e os mandos policiais presentes percorreron o centro de Pontevedra cara a Comisaría Provincial, ata onde tamén se desprazou o presidente da Xunta de Galicia en apoio á creación do grupo especial contra o crime organizado. Pérez Touriño falou da necesaria implicación de tódolos grupos sociais na loita decidida contra o narcotráfico.

    O Ministro do Interior, José Antonio Alonso, interesouse pola cidade de Pontevedra e por iso quixo percorrer a pé o tramo ata a Comisaría Provincial. Un grupo de manifestantes aproveitaron a visita do presidente da Xunta de Galicia e portaban sendas pancartas, nas que solicitaban un convenio digno para o sector das ambulancias. Pérez Touriño, acompañado do Ministro do Interior, inaugurou ó GRECO Galicia, á vez que incidiu na importancia da educación para a prevención do consumo de drogas.

    Pola súa banda, o Ministro refusou facer valoración algunha do plan inaugurado a principios de ano no entorno dos centros educativos na loita contra o pequeno narcotráfico e o trapicheo, á espera de cumprirse 3 meses da súa posta en marcha, e confirmou que pronto comezará un plan similar encamiñado a vixiar as zonas de ocio dos máis novos. O terceiro GRECO a nivel estatal inaugurado xa comezou con varias investigacións que axudarán a esclarecer máis casos relacionados co narcotráfico e toda actividade que crea entorno a el.

    Redacción Salnés