A Xunta paraliza as obras de ampliación do cámping de Cabío

    POBRA > A deputada do BNG, Ana Pontón,  presentou este mércores unha pregunta no Parlamento Galego en relación á situación na que se atopa o cámping da praia da Lombiña-Cabío na Pobra do Caramiñal. A nacionalista denunciaba que as instalacións foron ocupando progresivamente máis terreo público deixando apenas espazo para o tránsito de persoas entre o cámping e a praia. O Director Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, confirmoulle xa a paralización das obras.

    O Director Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, informou da incoación do expediente das obras de ampliación do camping situado na praia de Lombiña-Cabío na Pobra do Caramiñal e a súa correspondente paralización.
    O responsable de Urbanismo expuso na cámara autonómica que a decisión foi tomada polo delegado da Consellería hai dous días, a raíz das denuncias presentadas pola concelleira nacionalista da Pobra sobre a ilegalidade urbanística destas obras en zona de servidume de dominio público sen contar coas licenzas correspondentes.camping_200_280606.jpg
    A deputada do BNG Ana Pontón fixo referencia tamén a estas instalacións xestionadas por unha empresa privada concesionaria do camping que segundo ela foi ocupando ilegalmente a zona de dominio público.
    Ana pontón denunciou ademais a tramitación unilateral da revisión da concesión ó dito camping, nun proceso no que o goberno local actuou segundo ela sen convoca-las preceptivas comisións.Ramón Lueje, pola súa banda, confirmou a paralización das obras de acondicionamento para as novas instalacións nun espazo de 4.200 metros cadrados, cun peche de formigón armado e a apertura dun expediente sancionador, aínda que non quiso entrar en detalles sobre as consecuencias que terán estas irregularidades ata que se peche o expediente.

    Redacción Barbanza