Os pobrenses seguen a demandar máis médicos e un servizo de urxencias de tarde

A POBRA> Continúan as mobilizacións en defensa da sanidade pública. Este mediodía, a concentración tiña lugar no centro de saúde onde ducias de persoas esixiron a cobertura de tódalas prazas de médico e a recuperación do servizo de urxencias en horario de tarde.

Dende que iniciaran as concentracións hai dúas semanas na Pobra, a plataforma en defensa de Sanidade Pública do Barbanza conseguiu que se tenderan parte das súas reivindicacións. Dous médicos incorporáronse de xeito temporal para cubrir as vacantes, pero queda aínda unha praza pendente.

Ademais da incorporación de todo o cadro de persoal médicos, composto por 7 facultativos, esixen que se retome a quenda de tarde no PAC posto que os pacientes que presenten algunha urxencia entre as tres da tarde e as dez da noite deben desprazarse ó centro de saúde de Ribeira ou ó Hospital do Barbanza.

Ademais da precariedade na atención primaria denuncian o incremento das listas de espera para especialistas, sobre todo para segundas consultas e revisións.

Por todos estes motivos seguirán mobilizándose cada venres, ás doce, ó carón do centro de saúde.