A Garda Civil detén a 11 persoas por distribución de pornografía infantil

    PONTEVEDRA > A Garda Civil detivo a once persoas por distribución de pornografía infantil e corrupción de menores dentro de dúas operacións. A denominada Tabú foi levada a cabo en Pontevedra en colaboración co FBI e permitiu a clausura dunha canle de internet con fotos e vídeos de contido pedófilo, ademais da detención de dez persoas, unha delas un uruguaio de 64 anos residente en Estados Unidos.

    A Garda Civil de Pontevedra mantén aberta a operación Tabú, contra a distribución de pornografía infantil e corrupción de menores. Ata o de agora detívose a unhas dez persoas que pasaron xa pola comandancia de Pontevedra. A operación iniciouse en novembro do ano pasado e a primeira detención tivo lugar a mediados de xaneiro. Trátase dun cidadán uruguaio de 64 anos de idade residente en Washington que se achegou a Pontevedra coa intención de contactar cunha menor. Nesta operación a garda civil contou coa colaboración do FBI de Estados Unidos que rexistrou o domicilio do cidadá uruguaio en Washington.

    A operación permitiu clausurar unha canle de internet utilizado para o intercambio de fotografías e vídeos de contido pedófilo na que tomaban parte as dez persoas detidas ata o de agora. Ademais do uruguaio o resto son cidadáns españois, de entre 25 e 45 anos de idade. A Garda Civil sospeita que pode haber outros usuarios en Chile e Argentina. Nesta ocasión non houbo ningunha denuncia. A garda civil recibiu información sobre a existencia dunha canle de internet, co nome de Sexotabú, no servizo de chat denominado IRC-Hispano.

    A Garda Civil tamén detivo, na operación Palmera, a unha persoa de 37 anos que se facía pasar por unha menor de 15 e visitaba chats de colexios para establecer contactos con menores e obter fotos e imaxes deles. 

    Redacción Salnés