A confraría de Aguiño iniciou a campaña do Ourizo de xeito satisfactorio

    RIBEIRA> Nestas primeiras xornadas os produtores recolleron unha media diaria duns mil douscentos quilos desta especie que ten coma principais mercados todo o ámbito nacional, así como tamén Francia e Italia. A campaña do ourizo iniciouse esta semana en Ribeira e Aguiño con boas capturas e de calidade e un prezo en lonxa máis que aceptable, por riba do que cabía agardar. No pósito aguiñense, nos dous primeiros días de traballo dende a apertura os produtores lograron coller unha media duns mil douscentos quilos desta especie, uns trinta por persoa. As cotizacións foron tamén bastante elevadas. O de maior tamaño superou lixeiramente os cinco euros mentres que o máis pequeno quedouse nos catro euros con oitenta. En Aguiño estan a traballar a esta especie ó redor duns 60 mariscadores, menos dos que contan co permiso para a súa extracción, xa que están a compaxinar co percebe. O ourizo representa tamén unha importante fonte de ingresos para o pósito de Aguiño. Boa parte do produto vai destinado á conserva, aínda que cada vez está a ter maior comercialización en fresco, sendo moi solicitado nos principais mercados nacionais e tamén en Francia e Italia.