BOIRO> O Parque de Comunicación de Boiro segue a medrar coa achega de destacados xornalistas que queren deixar a súa pegada neste emblemático espazo. Se o domingo eran Manuel Campo Vidal e María Rey os encargados de plantar a súa árbore, esta mañá José Ribagorda fixo o propio. Nunha terra que sente como súa, polos lazos familiares que o unen, José Ribagorda non quixo deixar pasar a oportunidade de deixar a súa pegada en forma de árbore. Con esta plantación que tivo lugar esta mañá pasa a engrosar a lista de xornalistas e persoeiros destacados que xa forman parte deste parque da Comunicación impulsado polo Club Expopress de Xornalistas de Galicia. O presidente da entidade, Suso Souto, quixo destacar a versatilidade de Ribagorda que máis aló da súa faceta máis coñecida como presentador de informativos, exerce de crítico gastronómico. Pola súa banda, José Ribagorda expresou a inmensa honra que lle supuxo o convite de Expopress para formar parte do parque da comunicación, non só, polo renome dos compañeiros que xa o integran senón pola súa estreita vinculación con Galicia. A súa muller é filla do inesquecible referente xornalístico José Antonio Silva. O alcalde, pola súa banda, quixo agradecer tanto a José Ribagorda como os seus compañeiros de profesión, a liberdade e independencia no desenvolvemento do seu labor, algo que non sempre é doado. Tralo acto de plantación, o xornalista tivo ocasión de coñecer outros enclaves destacados da comarca como a praia de Cabío, na Pobra.
Inicio Barbanza - Muros - Noia










