A Xunta solicitará a Facenda o mantemento dos servizos da delegación de Ribeira

    RIBEIRA > O Parlamento Galego vén de aprobar por unanimidade unha iniciativa do BNG para o mantemento das funcións de varias oficinas de Facenda, entre as que se atopa a de Ribeira. Os nacionalistas consideran que a reorganización dos servizos ocasionaría un grave prexuízo para os cidadáns que se verían obrigados a desprazarse a outras cidades para realizar as xestións de autónomos e sociedades

    O BNG solicita á Xunta que presione ó goberno central para que manteña as funcións das oficinas galegas que van sufri-las consecuencias da reorganización de servizos. Esta medida suporá unha importante reducción de servizos na delegación situada en Ribeira que verá limitadas as súas funcións a labores informativas, rexistro de documentos e xestións de contribuíntes sen actividade económica.

    Segundo a deputada que presentou a iniciativa, María Xosé Vega Buxán, o goberno central non está a ter en conta as peculiaridades de Galicia. O ministerio de Facenda argumenta, como causas da reforma, o uso das novas tecnoloxías e a mellora das infraestruturas que acurtan as distancias físicas, factores que pouco teñen que ver coa realidade galega. Neste sentido, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, tan só o 21’97 por cento dos fogares galegos teñen acceso a internet e unicamente o 12’61 por cento presentan conexión por ADSL.

    Así mesmo, a deputada nacionalista cualifica de ‘inoportuna’ a proposta de reducción de servizos formulada por Facenda nun momento no que se está a impulsar ‘unha reforma estatutaria que podería incluír a posta en marcha dunha Axencia Tributaria Propia’, tal e como reclama o Bloque Nacionalista Galego.

    Redacción Barbanza