Cruz Vermella de Boiro traballará na prevención de condutas violentas

    BOIRO > A Asemblea Local da Cruz Vermella de Boiro celebrou o seu acto anual, no que fixo público un balance das actividades efectuadas durante o pasado ano 2005. O acto serviu tamén para facer entrega de diplomas ós alumnos que viñeron participando nas distintas accións formativas organizadas por esta entidade.

    Durante o pasado ano 2005, a Cruz Vermella de Boiro desenvolveu unha serie de actividades en beneficio dos veciños dos concellos de Boiro, Rianxo, Dodro e a Pobra do Caramiñal, no eido de intervención social, que incluíu programas de persoas maiores, infancia e mozos en dificultades e loita contra a pobreza, atendéronse a 131 persoas, nun total de 398 intervencións co traballo de 38 voluntarios.

    No programa de intervencións en socorros e emerxencias actuouse en 324 ocasións, grazas ó labor de trece voluntarios.

    Outro dos plans acometidos pola Cruz Vermella de Boiro foi o de Xuventude, con algo máis de 2.400 beneficiarios, 115 accións voluntarias, no que actuaron trece voluntarios, cinco colaboradores e catro afiliados.

    Finalmente, o plan de formación contou con 20 cursos, impartidos por 33 monitores a 335 alumnos.

    O presidente da Asemblea Local de Boiro, Leopoldo Vaamonde, fixo referencia tamén a que durante o pasado ano a entidade puxo en marcha por primeira vez o programa de transporte adaptado grazas á obtención dun vehículo a través do proxecto Singra.

    Durante o acto déronse a coñecer tamén as liñas de traballo que se marcarán durante o presente ano 2006. Así a intención da entidade non é outra que elaborar un programa destinado a examina-las causas que motivan as condutas violentas e que posteriormente se traducirá nun taller de prevención. Ademais Cruz Vermella quere levar a cabo un plan de descentralización de actividades, de xeito que das súas iniciativas se beneficien tamén os veciños de zonas que estean alonxadas do casco urbano.

    Unha das súas aspiracións para este ano será tamén a construción dun centro formativo en Vilariño, na sede da antiga base da organización. Para poder conseguir este propósito a asemblea local da Cruz Vermella manterá contactos cos diferentes concellos nos que presta servizo para solciitarlle a súa colaboración.

    Durante o acto que se desenvolveu no Centro Social de Boiro tamén se fixeron entrega dos diplomas ós participantes nos diferentes cursos que e levaron a cabo ó longo do pasado ano.

    Redacción Barbanza