Vai de Roda celebra o seu festival de Nadal

RIANXO> Como é habitual por estas datas son moitas as asociacións e entidades culturais e sociais que organizan os seus festivais de Nadal.

É o caso da Asociación Vai de Roda de Rianxo que onte domingo celebrou no auditorio a súa cita coa música e o baile tradicional.

A cabida quedouse pequena e foron moitas as persoas que non puideron presenciar as distintas actuacións programadas, todas elas a cargo dos integrantes da escola, tanto do grupo de baile como dos músicos.

O repertorio foi do máis amplo, con pezas de temática propia destas datas, pero tamén con outras que forman parte xa do seu programa habitual.

Hai que lembrar que esta entidade é xa un referente no Barbanza e, por extensión en toda Galicia, no ámbito formativo e dinamizador do folclore tradicional.