![]()
BARBANZA > Os carteis anunciando as rebaixas xa están colgando nos escaparates dos comercios desde o pasado sábado. Un ano máis estes primeiros días están a ser os de maior afluencia de xente, e aínda que é cedo para facer balance, os comerciantes xa falan dun descenso nas vendas e algúns consumidores quéixanse de que a baixada nos prezos non é tan notable coma outros veráns.
A chegada do mes de xullo é sinónimo de rebaixas. Moitos son os que agardan a estas datas para renovar o seu vestiario de verán, e aínda que só pasaron tres días desde o seu comezo, son moitos os comerciantes que auguran menos ventas e escasas reduccións de prezos. Un dos principais motivos que alegan son as altas taxas de desemprego que se están a rexistrar nos últimos meses na comarca. Menos cartos, din os comerciantes, que se traducen en menos vendas.
Pese a este descenso das vendas, as rebaixas seguen a ser un reclamo para os consumidores e nesta fin de semana foron moitos os que se animaron a saír de compras, aínda que algúns mercaron menos do previsto. A principal queixa é que lles parece escaso que as rebaixas sexan só dun 20 ou 30 por cento.
A pesar disto, aínda é cedo para facer un balance das vendas, xa que oficialmente as rebaixas non rematan ata finais de agosto.
Redacción Barbanza










