BOIRO > A reconstrución da coñecida coma Ponte do Ordenario, sobre o río Coroño, será unha realidade en breve, despois de que o executivo boirés que preside Xosé Deira chegara a un acordo coa Consellería de Política Territorial para sufraga-lo custe da súa reparación. A actuación era unha vella demanda dos veciños que na actualidade debían empregar outras zonas de paso ó estar esta pechada ó tráfico.
As enchentas do pasado inverno provocaron o afundimento de parte da estrutura da coñecida como Ponte do Ordenario sobre o río Coroño que separa as parroquias de Boiro e Cures. Dende aquela e xa van alá varios meses a ponte permanece pechada ó tráfico e os veciños destas zonas que a cotío empregaban este paso deben agora usar outras pontes, o que lles causa un grave prexuízo, xa que teñen que dar máis dun rodeo.
Precisamente esta mañá varios membros do executivo boirés, entre eles os concelleiros de Obras e Urbanismo, Xoán Xesús Ares e Xoán León, respectivamente, visitaron o lugar e constataron a necesidade de acometer esta mellora que agora será posible grazas ó compromiso da Consellería de Política Territorial que se encargará de sufraga-lo custe da actuación.
O concello de Boiro vai levar a cabo tamén a construción de beirarrúas nas marxes da estrada AC-305, concretamente en varios tramos deste vial nas zonas de Ponte Beluso, Vilariño e Ponte Goiáns. A actuación, cun presuposto que se achega a 1’3 millóns de euros, será posible grazas a unha subvención da Consellería de Política Territorial.
Recollendo as demandas dos veciños o executivo boirés ten previsto acomete-la construción de beirarrúas en varios tramos da estrada AC-305 ó seu paso pola localidade para deste xeito mellora-la seguridade.
O goberno local realizou varios proxectos que lle foron presentados á Consellería de Política Territorial para o seu financiamento. Trátase das zonas de Ponte Beluso a Ponte Brea, e desta última a Vilariño. A actuación tamén recolle a construción de sendas peonís dende Vilariño ó acceso da Vía Rápida do Barbanza, así como de Ponte Goiáns a Escarabote.O presuposto total destas obras ascende a máis dun millón trescentos mil euros.
Segundo o Concelleiro de Obras, Xoán Xesús Ares, as obras serán realizadas en breve, unha vez lle sexan remitidos os proxectos á Dirección xeral de Obras Públicas, priorizando as actuacións na parroquia de Cespón, ó ser a zona máis problemática.
Redacción Barbanza