Mesas informativas, charlas e un musical solidario integran a campaña da AECC de Ribeira

RIBEIRA> A Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro de Ribeira desenvolverá a próxima semana diversos actos no marco da campaña conmemorativa do Día Mundial contra esta doenza. Haberá mesas informativas, charlas e mesmo unha gala solidaria a cargo de Mimarte.

Durante a próxima semana son moitas as actividades a desenvolver pola xunta local de Ribeira para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro. Comezarán o propio dia 4 con mesas informativas e a lectura dun manifesto institucional ademais do alumeado en verde do cruceiro da saúde que se prolongará durante todo o mes de febreiro. A homenaxeada dos actos este ano será María Teresa Leis, sanitaria e tamén paciente de cancro, que constitúe todo un referente para a sociedade ribeirense.

O día 5 desenvolverase unha mesa redonda no auditorio sobre testamento vital  coa participación de varias traballadoras sociais. O día 6 dará comezo a campaña ‘ ACompra da tía vida’ en colaboración co supermercado Gadis.

Como en anos anteriores, a asociación volverá colaborar con varias entidades deportivas na campaña brazaletes solidarios. No marco da campaña de recadación de fondos, a asociación volverá contar coa desinteresada colaboración de Mimarte que ofrecerá un musical solidario o sábado 7 de febreiro.

As entradas, a cinco euros, xa se poden adquirir tanto na sede de Mimarte como no local da AECC. Non estarán numeradas e a apertura de portas realizarase unha hora antes do comezo de cada función previsto para as sete e as nove e media.