BARBANZA > O Padroado da Fundación Hospital do Barbanza aprobou o nomeamento da doutora María del Rosario Vázquez López coma xerente do centro. A nova directora vén substituír a Salustiano González Vinagre que, tras catro anos e medio á fronte do complexo hospitalario, xa solicitara o seu relevo o pasado mes de maio.
O secretario xeral do SERGAS, Antolín Rodríguez, o director Xeral de Asistencia Sanitaria, Pablo Vaamonde, e a delegada provincial de Sanidade na Coruña, María Ausencia Tomé, reuníronse cos membros do padroado da fundación que xestiona o Hospital do Barbanza para propoñerlle o nomeamento de María Rosario Vázquez López como nova xerente. Non houbo sorpresas e os membros aprobaron por unanimidade a candidatura proposta pola Consellería.
A continuación tivo lugar a presentación oficial da nova directora ó mesmo tempo que se lle brindaba unha despedida ó anterior responsable, Salustiano González Vinagre, encargado da xestión do hospital durante catro anos e medio.
María del Rosario Vázquez López, viguesa de 50 anos, é licenciada en Medicina e Ciruxía pola Universidade de Santiago no ano 1986 e Axudante Técnico Sanitario dende 1984. No ámbito académico completou a súa formación cun Máster en Medicina Natural ehomeopatía así coma diversos cursos de doutoramento, xestión hospitalaria, intervención preventiva en saúde pública ou patoloxía psiquiátrica en atención primaria. Entre os seus obxectivos na dirección do hospital figura a reducción das listas de espera, o aumento das relacións entre medicina primaria e especializada e o uso racionalizado das infraestruutras do hospital.
Unha vez que se faga oficial o seu nomeamento, a nova responsable deberá elixir a un director médico e demáis integrantes da directiva. O novo equipo deberá afrontar diversas actuacións pendentes para o complexo hospitalario como a integración no Servizo Galego de Saúde, a dotación dun sistema de climatización na terceira planta, a construción dun heliporto ou o aumento do cadro de persoal en certas áreas.
Redacción Barbanza