Os rapaces de Ribeira coñecerán de preto o traballo dos corpos policiais

    RIBEIRA > O concello de Ribeira, en colaboración cos corpos da Policía Nacional e Local, vén de poñer en marcha un programa para dar a coñecer as labores policiais entre os máis pequenos.  A actividade achegará ós escolares as funcións realizadas pola policía a través de demostracións prácticas con guías caninos, a unidade de subsolo ou un equipo da policía científica.

    O obxectivo desta iniciativa é difundir entre os cativos o carácter positivo das funcións realizadas polos corpos de Policía no seu traballo diario. Para captar a atención dos pequenos pensouse fundamentalmente en actividades prácticas e demostracións nas que mesmo eles poidan participar dándolle un carácter interactivo á iniciativa.

    A Xefatura Superior da Policía Nacional organizou unha serie de exhibicións con cans rastreadores así coma probas científicas como a detección de pegadas táctiles ou billetes falsos.

    A Policía Local tamén aportará a súa colaboración a través do seu vehículo radar equipado con etilómetro, o sonómetro e mesmo o lector de microchip.

    Ademais de todas estas demostracións, os axentes informarán ós escolares da preparación necesaria para acceder a un destes corpos de seguridade e as tarefas fundamentais que desempeñan os seus membros.

    Debido á gran cantidade de centros escolares do municipio, as actividades dividiranse en tres xornadas a celebrar no Pavillón Polideportivo de Olveira, o Instituto Leliadoura e o Paseo de Coroso.

    Aínda que se trata dunha iniciativa dirixida fundamentalmente ós nenos, a participación está aberta a calquera cidadán que o desexe.

    Redacción Barbanza