Un rianxeiro denuncia a súa situación de exclusión social

    RIANXO> Dende hai preto de dez anos está o coidado de seu pai, que padece unha enfermidade crónica. A pesar das reiteradas solicitudes, non recibe ningún tipo de axuda por parte da Administración. Todo era unha vida normal ata o ano 2008. A perda da súa vivenda habitual a consecuencia dun desafiuzamento por un aval a un irmán iniciou o declive desta familia rianxeira. Agudizada tamén coa morte da súa nai e a posterior enfermidade de seu pai. A el dedica diariamente tódolos seus esforzos e coidados. Os anos pasan e seguen agardando por unha axuda que non chega por parte das Administracións.Tódalas portas ás que chama, péchanse. Hoxe viven, ou malviven, nun entresolo que teñen acondiconado como poden en vivenda. Non pide máis que axuda dos Servizos Sociais para mellorar a súa situación e a do seu pai que precisa de atención profesional. Que el poida atopar un traballo… Aínda que todo son atrancos, con múltiples papeleos e demais. Como último recurso, Javier acudiu tamén á plataforma Stop Desafiuzamentos Barbanza, entidade coa que tamén colabora, que está a tratar de buscarlle unha solución á súa situación. O seu, un exemplo máis de afogamento e exclusión social que por desgracia padecen moitas persoas hoxe en día.