VILAGARCÍA > O Goberno Central espera que a negociación da reforma do estatuto de Galicia se faga con acordo entre as tres forzas políticas. Así o manifestou este luns en Vilagarcía o ministro de Administracións Públicas. Jordi Sevilla considera que o interesante neste proceso será a posición que adopte o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para ver se traballará en clave galega ou en clave de partido nacional. Segundo matizou Sevilla, en definitiva para descubrir se verá ‘o que é bo para Galicia ou o que é bo para Rajoy’.
O ministro de Administracións Públicas realizou estas declaracións minutos antes de participar na conferencia inaugural do Foro Socioeconómico do Salnés ‘Iniciativa 3’. Jordi Sevilla departiu sobre a cohesión e o crecemento que experimenta España desde a chegada do PSOE ó goberno central.
Precisamente o debate territorial e os diferentes procesos de reforma estatutaria que propoñen varias comunidades autónomas foi un dos asuntos que abordou nesta conferencia. O ministro tamén falou do plan de mellora que ten previsto aplicar na Administración xeral do Estado coa intención de que esto contribúa a mellorar aínda máis o crecemento económico e o benestar de España. Outro eixo da súa intervención foi a situación económica española.
Redacción Salnés