Dúas empresas estudan a creación dunha central de biomasa no Barbanza

    BOIRO > Hai uns días responsables da empresa Siemens e de San Miguel Energías Renovables achegáronse ó concello de Boiro para exporlle a un centenar de comuneiros como van os estudos para crear unha central de biomasa na comarca. Despois de observa-la viabilidade da iniciativa estas dúas empresas están dispostas a investir uns 18 millóns de euros no proxecto.

    Cada vez cobra máis forza a posibilidade de que se constrúa na comarca do Barbanza unha Central de Biomasa despois dos estudios realizados polas empresas Siemens e San Miguel Energías Renovables que ven viable o proxecto e están dispostas a investir no mesmo uns 18 mil euros.

    Neste sentido as investigacións efectuadas determinan que na comarca existe a suficiente materia prima como para consegui-los oito megawatios de enerxía, a mínima cantidade que tería que subministra-la planta de biomasa para que fora rendible.

    Segundo informou o segundo tenente-alcalde de Boiro, Manuel Velo, que dende un primeiro momento se posicionou como verdadeiro defensor do proxecto, a construción da central traería grandes beneficios para a comarca, xa que ademais de enerxía limpa, solucionaría o problema dos incendios forestais que afectan ós nosos montes xa que se eliminarían todo tipo de residuos forestais que na maioría das veces son as causas de propagación do lume.

    Segundo Manuel Velo a construción da central no Barbanza posibilitaría tamén a creación de novos postos de traballo, tanto na planta coma nas diferentes tarefas de recollida de  residuos forestais e manipulación de maquinaria, así como outros beneficios, xa que é posible a cogeneración.

    Redacción Barbanza