BOIRO > Aguas de Galicia está a deseñar un plan director para determina-las posibles ubicacións da futura estación de augas residuais de Boiro.
Dende hai tempo os membros do executivo, así como tamén os propios veciños, fundamentalmente os de Cabo de Cruz que é onde se atopa ubicada actualmente a depuradora municipal , veñen reclamando a construción dunha nova instalación, ó considerar que a actual xa non ten capacidade para absorbe-los vertidos procedentes de todo o municipio.
O executivo boirés consciente dos problemas que a actual depuradora situada en Cabo de Cruz están a causar ós veciños desta parroquia, que en máis dunha ocasión se mobilizaron polo mal funcionamento e os problemas de cheiros e vertidos desta instalación, trasladoulle a Augas de Galicia en máis dunha ocasión a necesidade de acomete-la construción dunha nova EDAR.
Posibles ubicacións
Segundo confirmou o propio edil de Medio Ambiente, esta solicitude podería chegar en breve a bo porto, xa que a Consellería de Medio Ambiente está estudando a través dun plan director as súas posibles ubicacións.
Actualmente barállanse varias zonas próximas á costa como é o caso da península do Chazo ou da zona do Bodión. Os trámites para levar a cabo esta obra poderían verse ralentizados un par de anos, xa que sería necesario poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para a construción, así como tamén os estudos de impacto ambiental.
Xosé Manuel Pérez referiuse tamén á posibilidade de construir unha depuradora específica para o polígono industrial de Espiñeira, tal e como viñan solicitando dende hai tempo os veciños. Algo que considera improbable xa que a cota de altura onde se asenta o parque empresarial é moi elevada en comparación ó resto do nivel o concello, e a súa instalación sería demasiado custosa.
Redacción Barbanza