Un tornado causa estragos en varios tellados en Rianxo

    RIANXO> As zonas que resultaron máis afectadas polo forte vento foron os núcleos do Pazo e Lustres. Ninguén se explica o acontecido onte pola tarde. Os veciños de Lustres e do Pazo aínda están atemorizados polo que lles tocou vivir. En cuestión de segundos e despois de oír un gran estouro viron como parte dos seus tellados e cubertos voaban polos aires. Na súa mente un recordo semellante, vivido tamén hai varios anos, que causou un regueiro importante de desfeitos pola zona. As uralitas e tellas que o vento desprendeu causaron tamén destrozos en varios vehículos estacionados nos arredores. Aínda así e pesar dos importantes danos materiais causados polo tornado non houbo que lamentar vítimas. Esta mañá varios operarios afanábanse xa na reparación dos desperfectos, como é o caso da mellora da cuberta da nave do taller. O seu propietario, que xa informou dos danos á compañía aseguradora, estima en máis de 20 mil euros os destrozos causados.