O BNG da Pobra denuncia a falla de recursos da Policía Local

    POBRA > O BNG da Pobra do Caramiñal volveu denuncia-la situación que está a atravesa-la Policía Local da localidade, facéndoa tamén extensiva á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Segundo os nacionalistas pobreses a falla de persoal e medios destes dous corpos veuse  agravada esta fin de semana a consecuencia dos temporais, sen poder dar resposta ás numerosas solicitudes por parte dos veciños.

    Esta non é a primeira vez que o Grupo Municipal do BNG da Pobra do Caramiñal denuncia a situación que están a padece-los axentes da Policía Local e os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Xa o pasado ano os nacionalistas presentaron unha moción ó pleno na que instaban ó executivo local a impulsa-la Agrupación de Voluntarios, iniciativa que non foi tida en conta polo equipo de goberno.

    Durante a última sesión plenaria os membros do BNG pobrés presentaron outra moción denunciando tamén os problemas que veñen padecendo os axentes da Policía Local, que non poden desenvolver axeitadamente o seu traballo pola falla de persoal e medios. Segundo os nacionalistas a pesar de ser sabedores das deficiencias deste corpo o executivo local non fixo aínda nada por remedialo.

    Para os membros do BNG a situación veuse agravada esta fin de semana cos incidentes provocados polo temporal.

    Rosana Pérez pregúntase tamén onde estaban o propio Xefe da Policía Local, o concelleiro Delegado ou o propio alcalde.

    Ante esta situación, que non vén máis que a provocar un clima de desamparo e indefensión na veciñanza, os nacionalistas instan ó alcalde a que contrate máis persoal para tratar de regulariza-la situación actual da Policía Local, onde actualmente dun total de 14 axentes tan só realizan o seu traballo sete a, debido a baixas e vacacións, tendo que enfrontarse a tres servizos diarios: mañá, tarde e noite.

    Redacción Barbanza