POBRA > As manifestacións realizadas pola portavoz do BNG da Pobra do Caramiñal relativas á falla de persoal e medios da Policía Local e Protección Civil que, segundo ela, se fixo palpable durante os incidentes do temporal desta pasada fin de semana ó non poder dar resposta ás numerosas solicitudes por parte dos veciños, non sentaron ben ó equipo de goberno que quixo responder a tales afirmacións.
O concelleiro responsable de Protección Civil da Pobra do Caramiñal compareceu en rolda de prensa acompañado dun dos voluntarios desta agrupación para saír ó paso das manifestacións realizadas pola portavoz do BNG da localidade, Rosana Pérez.
Segundo Andrés Millán estas afirmacións non son certas, dado que en todo momento e unha vez coñecidas as previsións metereolóxicas adversas para a fin de semana se montou un operativo de urxencia que estivo alerta polo que poidera acontecer.
Segundo Andrés Millán atendéronse tódalas chamadas recibidas a maioría delas a traves do 112, o teléfono de emerxencias.
O edil delegado de Protección Civil recordoulle tamén a Rosana Pérez o carácter voluntario da agrupación.
Redacción Barbanza