A patronal ribeiresa solicita ó concello a regulación das zonas de carga e descarga

    RIBEIRA > Os membros da Asociación de Empresarios de Ribeira veñen de amosar o seu malestar polos problemas existentes na regulación do tráfico trala recente peonalización da Rúa General Franco. Os comerciantes denuncian que as zonas habilitadas para carga e descarga soen estar ocupadas por automóbiles non autorizados polo que os vehículos destinados ó reparto de mercancías non teñen espazo para desenvolver o seu traballo.

    Ante as numerosas queixas efectuadas polos socios da patronal ribeiresa, a directiva da Asociación de Empresarios remitiu un escrito ó concello no que solicita a solución dos problemas de regulación do tráfico existentes no casco urbano da localidade.

    Un dos aspectos máis graves céntrase nas zonas habilitadas especialmente para carga e descarga que, lonxe de ser utilizadas para este fin, soen estar ocupadas por vehículos particulares non autorizados.

    A consecuencia disto, os vehículos destinados ás tarefas de carga e descarga vense obrigados a estacionar noutros espazos, o que se traduce en dúas consecuencias moi negativas. Por un lado, supón un incremento do tempo e esforzo de traballo xa que é preciso realizar un maior percorrido a pé cargando coa mercancía e por outro, o risco de multa que supón o mal estacionamento dos vehículos.

    Esta situación está a xerar un crecente malestar entre os comerciantes ribeireses que esixen ó concello unha pronta solución.

    Así mesmo, a Asociación de Empresarios tamén lle achegou ó concello outras das súas preocupacións como son o problema da concesión de licencias de apertura de locais que non cumpren as esixencias técnicas de sanidade e prevención, o peche do matadoiro municipal que está a afectar ós carniceiros locais ou a posible redución de servizos da delegación da Axencia Tributaria en Ribeira.

    Redacción Barbanza