Ribeira acollerá a I Mostra de Produtos Típicos de Entroido

    RIBEIRA > A Concellería de Cultura e Festexos de Ribeira decidiu organizar unha mostra de produtos típicos de entroido. O evento desenvolverase o venres e o sábado nunha carpa situada no Malecón que acollerá un total de 16 stands de distintas empresas das comarcas do Barbanza e o Sar. A iniciativa enmárcase dentro do Proxecto Deloa Equal II que pretende a dinamización do sector turístico nestas dúas bisbarras.

    O acto inaugural terá lugar o venres ás doce da mañá coa presenza do alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer. A partir de entón e ata o sábado ás dez da noite tódalas persoas que se acheguen á carpa situada no malecón poderán coñecer a ampla gama de produtos relacionados co entroido ofertados por un total de quince empresas das comarcas do Barbanza e do Sar. Ademais de produtos gastronómicos, nos stands expoñeranse pezas de artesanía ou mesmo disfraces para dar cabida a tódolos sectores relacionados dun ou doutro xeito co entroido.

    Ademais dos expositores, a mostra inclúe outro tipo de actividades como obradoiros e xogos para nenos que se desenvolverán na tarde do venres ou o tradicional conxuro da queimada que terá lugar o venres ás oito da tarde e o sábado á unha e ás sete.

    Esta primeira mostra, incluida no marco do Proxecto Deloa Equal II, pretende ensalza-la gran calidade dos produtos das zona así coma converterse nun punto de referencia a nivel comarcal no referente á organización de feiras temáticas. Neste sentido, está prevista a programación de dúas novas actividades para o presente ano, organizadas polo concello en colaboración co Proxecto Deloa Equal II.

    Redacción Barbanza