POBRA > As Confrarías de Pescadores da Ría de Arousa veñen de aprobar o plan de xestión e recuperación dos bancos de libre marisqueo. Este proxecto, elaborado conxuntamente entre os pósitos da Pobra e o Grove, contempla o cultivo de cría nas zonas máis deficitarias así como o incremento do persoal de vixilancia de cara a un maior control da explotación dos bancos.
Os pósitos arousáns teñen postas moitas esperanzas neste proxecto xa que suporá unha importante fonte de ingresos para os produtores. O acordo definitivo produciuse o pasado mércores no transcurso dunha reunión celebrada en Carril na que, tras analizar detenidamente o proxecto, tódalas confrarías da ría decidiron apoialo. O borrador será entregado á Consellería de Pesca para que sexa incluido nun programa de financiación da Unión Europea.
O principal obxectivo é contrarresta-la perda de produtividade rexistrada nos bancos de libre marisqueo existentes na ría, entre os que se atopan Os Lombos, O Bohído, Cabío e a zona comprendida entre Sálvora e Castiñeiras.
Este plan, dun ano de duración, suporá un investimento de máis de medio millón de euros, dos cales a maior parte, 180 mil euros estarán destinados á adquisición de semente para as zonas máis pobres.
O incremento do persoal destinado ás labores de vixilancia tamén suporá unha importante contía, próxima ós 175 mil euros, para a contratación de seis traballadores.
As partidas restantes destinaranse ás tarefas de limpeza e arado do fondo mariño, mantemento das zonas de cría e labores de control e apoio á vixilancia.
Redacción Barbanza