BOIRO> Máis de 700 corredores tomarán parte este domingo na carreira popular Mar de Boiro Memorial Pepe Buceta. Nesta vixésima edición mantense o mesmo percorrido de anos anteriores con saída dende a rúa Principal ata Mañóns.
Na súa vixésima edición, a carreira popular Mar de Boiro volverá congregar a centos de corredores. A proba absoluta dará comezo ás 11 da mañá cun percorrido circular de dez quilómetros con saída e meta na rúa principal. As categorías escolares realizarán un percorrido de 2 quilómetros e medio mentres que os máis pequenos correrán 200 metros pola rúa peonil.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría e para os tres gañadores absolutos así como para os tres primeiros corredores locais e o participante de máis idade. Dende o concello animaron á participación nesta e nas numerosas probas que se desenvolven ó longo de todo o ano, como mostra do seu compromiso co deporte.
A proba, enmarcada no oitavo circuíto de carreiras Barbanza Arousa, forma parte tamén do undécimo Circuíto Provincial de Carreiras da Deputación da Coruña.











