A Fundación Comarcal aproba 760.000 € para proxectos do Proder II

    CAMBADOS > A Fundación Comarcal do Salnés aprobou máis de 760 mil euros de novas axudas para a comarca do Salnés cunha creación de 25 novos postos de traballo. A comisión de valoración de Proxectos Proder II aprobou unha ducia de proxectos que se desenvolverán en Cambados, Vilagarcía, Meaño, Meis, Sanxenxo e O Grove.

    A Comisión de Valoración de proxectos da convocatoria 2005 do Proder II O Salnés deu o seu visto bo a doce novas iniciativas que supoñen un investimento total de máis de tres millóns de euros e unha creación de 25 postos de traballo. O Salnés percibirá para esto unha axuda concedida de máis de 762 mil euros.

    Unha das iniciativas consiste na recuperación e creación dun parque medioambiental e de interpretación do viño en Cambados. Relacionado co sector da cantería e da construcción presentouse un proxecto para un taller de escultura en Meaño, dous para a adquisición de maquinaria moderna, construcción de nave e desenvolvemento de novos procesos de producción na actividade de transformación de granito, un dunha nave para unha empresa de construcción e por último outro para unha empresa especializada na insonorización.

    Tamén o desenvolvemento da horta recibirá o apoio da Fundación Comarcal coa aprobación dun viveiro de plantas ornamentais non existentes na Comarca, que se instalará en Meis. Dentro do sector turístico, destaca a posta en marcha dunha nova infraestructura náutica de praia, “Punto Pasión Playa”, no areal de Confín, no Grove; e o proxecto de recuperación dos Muíños de Outeiro Bordóns, en Sanxenxo. A relación de iniciativas complétase coa construcción dunha nave e ampliación de actividade por traslado dunha empresa de artes gráficas do centro urbano ó Polígono Industrial.

    Ademais nesta reunión lembrouse que o prazo de presentación de proxectos para 2006 remata o 30 de abril, sendo esta a última convocatoria de solicitudes de subvención.

    Redacción Salnés