BOIRO > A Consellería de Industria iniciará en breve o proceso de expropiación para a segunda fase do polígono industrial de Espiñeira en Boiro. Así lle-lo comunicou o Delegado Provincial, Xosé Luís Barcia, ó alcalde, Xosé Deira, e ó concelleiro de Urbanismo, Xoán León, no transcurso dun encontro celebrado en Santiago.
Co gallo de obter máis información sobre o estado actual das actuacións e negociacións levadas a cabo pola Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria, respecto da segunda fase do polígono de Espiñeira, o alcalde de Boiro e o concelleiro de urbanismo, mantiveron hai uns días unha xuntanza co Delegado Provincial, Xosé Luís Barcia, e a xerente de Xestur, María Rodríguez Gómez.
Dada a urxencia de poder ofertar chan industrial, a decisión da Delegación provincial pasa por iniciar e poñer en marcha xa o proceso de expropiación dos terreos.
Nesta reunión falouse tamén de introduci-los mecanismos necesarios para evitar calquera tipo de especulación cos terreos e parcelas resultantes, de tal xeito que só poderán ser adquiridas por dirmas ou empresarios que acrediten unha finalidade ligada a unha empresa ou actividade.
Xosé Luís Barcia comprometeuse tamén a arranxa-las deficiencias que presenta actualmente o parque empresarial boirés e que se derivan da primeira fase como poden ser o subministro de auga, a iluminación e sinalización, toda unha serie de actuacións que irán ligadas ó proxecto de ampliación do polígono.
Redacción Barbanza