O goberno boirés investiu máis de oito millóns de euros en obras en tres anos

    BOIRO > Máis de oito millóns de euros. Esta é a cifra dada a coñecer polo executivo boirés das inversións realizadas nas parroquias do municipio durante estes tres anos de goberno. A maioría das obras, executadas ou proxectadas polo concello ou outras administracións, corresponden con actuacións de saneamento, abastecemento de auga ou melloras de vías e camiños.

    O goberno boirés fixo esta mañá balance das actuacións levadas a cabo durante os anos 2003, 2004 e 2005 destinadas ás zonas rurais do municipio.

    En total nas oito parroquias de Boiro investíronse máis de oito millóns de euros, sumando obras executadas ou proxectadas polo propio concello, a maioría delas, a Deputación da Coruña ou a Xunta de Galicia.

    O alcalde, Xosé Deira, destacou tamén a realización destas obras, efectuando un uso racional dos recursos, máxime cando as inversións doutras administracións eran escasas.

    Por parroquias a relación de obras levadas a cabo en Abanqueiro ascende a máis de 246 mil euros, destacando a pavimentación do lugar de Chancelas á praia de Mañóns por valor de 36 mil euros ou o ensanche e pavimentación do camiño de Sestelo e Triñáns con 109 mil euros de inversión.

    Na parroquia de Boiro o total das actuacións realizadas ascenden a máis de 556 mil euros, destacando as cantidades dirixidas ó saneamento de Brión por valor de 24 mil euros ou o camiño de Seán ó cruce do Graso cunha inversión de 46 mil euros.

    En Bealo as obras ascenden a máis de 32 mil euros, destacando as partidas empregadas no bacheo do camiño de Beluso a Xián por valor de 7 mil euros ou o pavimento no acceso a Landeiras por valor de 14 mil.

    Na parroquia do Castro o total do investimento levado a cabo ascende a máis de 235 mil euros, nas que sobresae a partida para a construción das beirarrúas na rúa 50 por valor de 103 mil euros ou o pavimento do camiño lateral do Corbiño cun presuposto que ascendeu a máis de 21 mil euros.

    En Cures o presuposto invertido ascendeu a máis de 34 mil euros, destacando as obras levadas a cabo na mellora da escola vella de Ameán por importe de 7 mil euros ou o arranxo do acceso dende a vía provincial por valor de 5 mil euros.

    En Cespón as actuacións realizadas polo executivo tripartito nestes tres anos de goberno ascenden a máis de 239 mil euros. Destacando as inversións destinadas á pavimentación en Comba por valor de 30 mil euros ou a apertura e afirmado do camiño de Pazos a Monte Deira por un importe de máis de 46 mil euros.

    Na parroquia de Lampón a inversión realizada ascende a máis de 333 mil euros, destacando as inversións efectuadas no ensanche e pavimentación do camiño da Gaboteira por valor de 103 mil euros ou a realización dos muros e drenaxes na área de lecer da Igrexa cun importe de 39 mil euros.

    Por último na parroquia de Macenda a inversión realizada ascende a máis de 17 mil euros, nas que sobresae a partida dirixida á realización dos muros e o pavimentado da área recreativa de Moimenta ó lado da estrada Boiro-Noia e que ascende a máis de 9 mil euros.

    Redacción Barbanza