RIBEIRA > De novo un grupo de comuneiros da Comunidade de Montes de Artes en Ribeira veñen de amosa-lo seu malestar polo que consideran unha mala xestión da actual xunta directiva. O branco das críticas agora é a excavación realizada na zona de Xarás para a instalación dunha empresa de gasóleos sen que a asemblea xeral da entidade se pronunciara favorable ó respecto.
Esta non é a primeira vez que os comuneiros da Comunidade de Montes de Artes en Ribeira se manifestan en contra das actuacións realizadas pola actual xunta directiva, ó considerar que xestionan ó seu antollo os intereses de tódolos seus socios.
Os comuneiros disconformes, a maioría tamén integrantes da Asociación para a Defensa dos Intereses de Artes, ADIA, centran agora as críticas nunha obra que se está a desenvolver en Xarás, nos terreos propiedade da Comunidade de Montes onde pretende emprazarse unha empresa de gasóleos.
Segundo eles esta obra é ilegal, xa que para poder comeza-los traballos de ocupación dos terreos propiedade dos comuneiros de Artes tiña que contar primeiro coa aprobación da asemblea xeral. Proba diso é que na última xuntanza celebrada pola Comunidade de Montes de Artes en decembro do 2004, os comuneiros decidiron darlle un prazo de dez días á empresa para presenta-lo contrato da concesión, polo que a entidade lle cedía un espazo de monte de 5.200 metros cadrados.
A pesar de que a xunta directiva non informou ós comuneiros da presentación ou non deste documento, a empresa iniciou os traballos de desmonte, excavando máis terreo do que tiña asignado nun primeiro momento.
Ante esta situación os membros da asociación ADIA remitíronlle escritos a varias administracións, entre elas as Consellerías de Política Territorial, Industria e Medio Ambiente, así como tamén ó concello de Ribeira que aínda non se posicionou ó respecto sobre este problema.
O que si o fixo foi Política Territorial que lle mandou un requerimento ó executivo ribeirés para que ordenase á empresa a devolve-lo excedente dos terreos ó seu estado primitivo, xa que se trata de chan rústico protexido.
A pesar diso a situación a día de hoxe aínda non está arranxada, polo que os comuneiros disconformes consideran culpables desta situación á actual directiva da comunidade de montes que non está a defende-los intereses da entidade.
Redacción Barbanza