Ribeira: cen anos como cidade

    RIBEIRA > O Conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, presidiu este xoves o acto institucional conmemorativo do centenario da concesión do título de cidade a Ribeira, un feito que se producía un 23 de marzo de 1906. Sen dúbida un dos momentos máis emotivos do acto foi cando se produciu a entrega do título de Fillos Adoptivos de Ribeira a Magdalena Bringas, presidenta da Asociación de Amas de Casa de Ribeira, e Ramiro Carregal, presidente da conserveira Frinsa.

    O acto iniciouse á unha da tarde nun ateigado salón de plenos do concello ribeirés. En primeiro lugar o alcalde dou lectura ó artigo publicado o 23 de marzo de 1906 na Gaceta de Madrid no que o Ministerio da Gobernación lle concedía o título de cidade a Ribeira polo desenvolvemento da súa industria e comercio, así como a

    Logo deste paso o secretario municipal, Manuel Carrasco, daba lectura tamén á declaración institucional con motivo da concesión do título de cidade e polo irmanamento coa cidade valenciá de Albaida que recibiu o título o mesmo día.

    Durante o seu discurso o rexedor ribeirés destacou a importancia do acto que segundo el pasará a ser parte da historia deste concello, deixando unha fonda pegada en tódolos ribeireses.

    Pola súa banda o Conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, destacou tamén o feito de que a Ribeira lle concederan hai cen anos o título de cidade polo desenvolvemento da súa industria e do seu comercio.Un feito axustado á realidade na actualidade xa que se trata dun dos concellos máis dinámicos e máis importantes non só da provincia da Coruña, senón tamén de toda Galicia.

    O secretario executivo do comité asesor dos actos do centenario de Ribeira, Xoán Lustres, foi o encargado de explica-las razóns polas que se solicitou o título de fillos adoptivos da localidade para Magdalena Bringas e Ramiro Carregal. Segundo el Magdalena Bringas, que leva uns 27 anos á fronte da Asociación de Amas de Casa da localidade, destaca polo seu labor nos ámbitos social, cultural e artesanal, sendo unha pioneira na defensa dos intereses colectivos, na conciliación laboral e familiar e nos dereitos dos consumidores.Nos seus méritos tamén destaca o seu compromiso con Ribeira, encabezando diversos movementos de protesta en defensa de sectores económicos e sociais do municipio.

    No caso do empresario Ramiro Carregal, o comité asesor dos actos do centenario valorou a súa traxectoria coma industrial do grupo conserveiro Frinsa, unha das empresas referentes para o sector conserveiro en toda Europa, no que actualmente se dá emprego, directa ou indirectamente, a máis de dúas mil persoas, destacando especialmente o seu compromiso con Ribeira ó desenvolver toda a súa actividade empresarial na cidade, nunha época no que a deslocalización empresarial é unha cuestión de enorme actualidade, especialmente neste sector.O comité tamén destacou o apoio e a axuda prestada por Ramiro Carregal con tódalas persoas e entidades implicadas no desenvolvemento cultural, social e deportivo do municipio.

    Os dous homenaxeados agradeceron a distinción tendo palabras de eloxio pola distinción que acababan de recibir.

    Os actos remataron coa interpretación do himno galego a cardo de tres alumnos do Conservatorio Municipal de Ribeira.

    Redacción Barbanza