BOIRO> O Pazo de Goiáns de Boiro acolleu o primeiro campionato de baristas de centros de educación especial, organizado polo colexio Manuel López Navalón de Santiago en colaboración co concello de Boiro.
Xunto co centro promotor, participaron na iniciativa o Centro de Educación Especial de Pontevedra, o Infanta Elena de Monforte de Lemos, Terras de Ferrol e o María Mariño da Coruña.
Dous alumnos de cada un, tiveron que elaborar varias especialidades de café que foron puntuadas por un xurado de expertos. Finalmente, foron os escolares do María Mariño os que conseguiron facerse co triunfo neste primeiro campionato que contou co patrocinio de Cafés Templo.
Lonxe da competitividade, a xornada rematou cun xantar de convivencia entre tódolos centros participantes.