BARBANZA > A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte presentou este mércores unha diagnose do potencial turístico da comarca do Barbanza. O estudo, que foi realizado por Gonzalo Rodríguez, Doutor en Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, analiza en profundidade a estrutura socio-economica, sectorial e empresarial da zona, así como tamén os seus principais recursos e infraestruturas, o que permite determina-las oportunidades de negocio no sector turístico en Arousa Norte.
A intención da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte coa realización deste proxecto non era outro que valorar e ampliar o concepto das actividades turísticas na Comarca do Barbanza así como estudar as oportunidades que o fenómeno do turismo trae consigo.
Todo isto dáse nun entorno onde se abre a posibilidade do manexo dos recursos autóctonos da zona, ben sexan naturais, paisaxísticos, culturais ou gastronómicos, tratando de establecer unha proposta de dinamización produtiva materializada na creación de empresas coherentes cos recursos endóxenos.
Gonzalo Rodríguez afirmou tamén que o turismo nesta área aínda está nunha fase nacente e que a poboación debe ser paulatinamente concienciada do potencial e a mellora que supón a actividade turística coa axuda da administración. Segundo el para iso deberíase contar con políticas, ferramentas de apoio e persoal cualificado que dediquen todo o seu tempo e esforzo.
Segundo el os recursos da comarca máis valorados polos turistas e que máis identifican a esta zona son claramente o Parque Natural de Corrubedo e o monte da Curota.
O autor do estudo sinalou tamén que a comarca do Barbanza conta con potencial suficiente para incrementar a demanda turística que recibe. Non obstante, este potencial non se valorizará en ningún caso de xeito espontáneo senón que deberá ir acompañado de servizos complementarios, para conseguir satisfacer as necesidades das persoas que nos visiten.
A valorización do potencial detectado dependerá tamén da existencia de políticas integrais, nas que axentes públicos e privados deberán compartir unha mesma estratexia, desempeñando responsabilidades complementarias. Neste sentido Gonzalo Rodríguez considera que para levar a bo porto este plan será imprescindible posicionarse en segmentos de maior calidade, tratando de acadar unha desestacionalización do turismo, así como a participación activa de emprendedores que poñan en valor os seus coñecementos e capacidades específicas.
Así mesmo será necesario tamén que o sector público e as institucións incentiven a formación naquelas áreas que non forman parte do ámbito de especialización dos emprendedores: atención ao cliente, xestión de empresas, comercialización, xestión da calidade.
Segundo el a estratexia turística de Arousa Norte terá necesariamente que pivotar sobre o principal recurso comarcal que é o mar. Para el este elemento constitúe un vector de continuidade e coherencia, que vincula o pasado productivo da zona baseado na pesca e o marisqueo, cos novos segmentos de actividade e valor como é o caso da navegación de recreo, o turismo de natureza ou o turismo cultural.
Redacción Barbanza